Co aprazamento do xuízo, pola declaración de Telefónica da ilegalidade das folgas convocadas en O+M e PNP e da demanda do AST, sobre a vulneración de dereitos sindicais, ata o próximo día 19 de decembro de 2005, os traballadores estamos recibindo unha serie de mensaxes contraditorias que xeran máis confusión do conflito.
AS CAUSAS
Para a CIG é preciso analizar as causas que crean a conflitividade para así darlle a saída axeitada:
1º AS DECISIÓNS DA EMPRESA
A Telefónica ten como principal liña empresarial a destrución de emprego e o traslado da actividade ás contratas. A ferramenta que concreta esa política é o ERE que leva adiante co aval dos sindicatos maioritarios.
Esta política ten como consecuencia a falta de persoal para cubrir a actividade en categorías e quendas e lévana a tomar dunha serie de medidas que lle permitan atender as demandas de traballo:
Unificación de categorías,
Aumento de funcións,
Oferta indiscriminada de tarefas,
Eliminación de desprazamentos acompañados sen luz solar, etc.
Estas decisións non sempre teñen en conta as normas de Seguridade e Saúde. Todo de novo coa sinatura dos mesmos sindicatos que asinaron o ERE. Desde a CIG cremos que a maioría dos traballadores rexeita o acordo de traballos acompañados, ¿por que os sindicatos asinantes non consultaron os traballadores afectados, antes de asinar, se estes aceptaban ir sos sen luz natural?
Podemos concluír que a primeira e principal causa da conflitividade son as decisións empresariais. Estas xeran rexeitamento nunha parte moi importante do cadro de persoal, que decide mobilizarse, amparándose na lei de folga.
A Empresa intenta cortar de raíz coa medida máis drástica, 10 despedimentos, que ademais son membros dos Comités de Folga.
2º A FALTA DE SERIEDADE E RESPONSABILIDADE DOS SINDICATOS MAIORITARIOS.
A maioría no C.I ten a obriga de eliminar os despedimentos sen contraprestacións para que non sexa unha chantaxe neste ou en futuros conflitos.
Nos comunicados de CC.OO e UGT a Empresa nunca é a responsable dos problemas, sempre o son os outros sindicatos.
Ata o 15 de novembro os despedidos non existían (para os sindicatos maioritarios) só eran expedientados. Con ese argumento intentaron boicotear a folga do día 30 de setembro. Cando a Empresa se ve obrigada polo xuíz a negociar, esta responde cunha proposta que é unha nova chantaxe. A maioría do C.I.. asume esta proposta sen antepoñer unha propia dos traballadores.
A chantaxe consiste en:
*Non hai problemas (négaos)
*E, se existen, negóciaos nos grupos de traballo só cos sindicatos maioritarios.
AS SOLUCIÓNS
1º Eliminar os despedimentos sen chantaxes.
2º Abrir vías de negociación sobre os conflitos coas seguintes premisas:
- A negociación debe ser levada polos organismos legais coa presenza de todos os sindicatos representados sen exclusións.
- É preciso contar coa opinión dos traballadores afectados, para o que o C.I. e os Comités Provinciais deben proporcionar os mecanismos de consulta necesarios.
POR UN FUTURO CON GARANTÍAS DE EMPREGO
NON AOS DESPEDIMENTOS
SI Á SEGURIDADE NO TRABALLO
|