|
O ERE 2003-2007 previsto para destruír preto de 15000 empregos , provoca carencia de traballadores/as en moitas unidades de traballo, o que ten ocasionado numerosos desaxustes, ritmo insoportable de quendas e gardas, fanse tarefas extras ó mesmo tempo que se despide persoal ,.... . Moitos destes desaxustes xa foron previstos polos asinantes dun Convenio Colectivo no que xa acordan as Dispoñibilidades para OTPI nas provincias de tipo 3, a unificación de categorías de Operadores Auxiliares e sentan as bases para acordos posteriores en Comisións, por exemplo: Ampliación de funcións, Traballos acompañados, Creación de Encargados de Redes Servizos , etc. Acordos que foron presentados polo socios da empresa como melloras para a empregabilidade, pero que en realidade antepoñen os intereses da empresa e representan novos recortes de dereitos para os traballadores .
A CIG esixe da empresa que non se sigan a deteriorar as condicións laborais por causa de falla de persoal . Defendemos que en todas as localidade exista o persoal necesario de cada categoría. Esiximos que se convoquen novas prazas para cubrir o déficit de persoal que fagan posible a conciliación da vida laboral e familiar.
Votar CIG é esixir un plano de emprego que garanta o noso futuro.
Votar CIG é defender a permanencia do posto de traballo na localidade e que as funcións de cada categoría queden definidas.
Durante a vixencia do actual Convenio tense constatado un empeoramento dos procesos de negociación, xa previsibles á vista da cantidade de temas que quedaran abertos na Negociación Colectiva. A Negociación permanente foi empregada nestes catro anos a discreción, con prepotencia, e con exclusión coma sempre dos afectados , en comisións ou grupos de traballo, ós que non teñen acceso todos os sindicatos lexitimados para negociar e que deu lugar mesmo a sentencia de anulación dalgunha cláusula do Convenio. A empresa coa colaboración dos sindicatos afíns, intentaron apagar as protestas e mobilizacións que os pactos xeraron no persoal afectado, incluso usando o despedimento para logralo, o que nos levou a mobilizarnos ata evitalos . Aínda así, conseguiu introducir importantes recortes ós dereitos dos/das traballadores/as usando para elo as Comisións da negociación permanente.
A negociación permanente é un arma da Empresa para recortarnos dereitos.
A CIG, como defendeu sempre , mantén que os asuntos con contido normativo deben quedar pechados na Negociación Colectiva, que debe ser un proceso participativo que permita poñer en xogo a potencia reivindicativa dun cadro de persoal mobilizado, informado e unido por unha plataforma elaborada desde a base para todos os traballadores, e limitando as funcións das comisións e grupos de traballo a negociaren a aplicación do acordado en Convenio ou establecido en Normativa e, en todo caso estudar posibles modificacións a introducir na negociación do seguinte Convenio.
Votar CIG é garantir que os problemas que nos afectan se levan ós Comités para ser debatidos en tódolos organismos que sexan necesarios. .
Os procesos de selección e promoción son cada vez menos transparentes. Proba desto son as últimas convocatorias nas que non están definidos nin os criterios que se consideran para facer a valoración dos currículos. A empresa co visto e prace dos sindicatos colaboradores utiliza unha consultora externa para facer parte destes procesos, co que se limita a posibilidade de control. A CIG defende historicamente que os procesos de selección e promoción sexan obxectivos e transparentes.
En consecuencia reivindicamos que se utilicen como norma xeral as convocatorias . Os Concursos de Méritos só deben usarse de maneira excepcional.
En ámbolos casos debe presidir estes procesos o principio de igualdade de oportunidades , para o que deben estar definidos e ser publicados os criterios xerais respecto da metodoloxía de avaliación.
Votar CIG é defender a igualdade de oportunidades nos procesos de selección e promoción.
A CIG aposta polo reforzamento dos organismos de todos: Comités, Asembleas de Centro e Asembleas Xerais como as mellores ferramentas para a defensa útil dos dereitos e conquistas dos traballadores desta empresa que tanto esforzo custaron no pasado.
Votar CIG é fortalecer a capacidade de resposta e a participación de todos.
Estamos convencidos que só coa participación activa na discusión e decisión dos problemas que nos afectan, coa posibilidade de que se contrasten con claridade as distintas posicións e argumentos, poderemos rachar coa dinámica actual de deterioro continuado do emprego e das nosas condicións laborais.
É esencial trocar a dinámica actual na que se marxina ós traballadores afastándoos da toma de decisións sobre os seus intereses . Só cando os traballadores recuperen o protagonismo que lles corresponde, chimpando cúpulas sindicais inútiles poderemos empezar a recuperarnos da perda permanente de dereitos, enfrontándonos a cada negociación como unha ocasión para mellorar e non como unha nova desfeita.
Non pode ser un obxectivo sindical, é menos do sindicalismo de clase, a destrución de emprego digno e a súa transformación en emprego lixo.
Votar CIG é defender o sindicalismo como a organización dos traballadores para a defensa dos dereitos e intereses colectivos e a mellora das condicións de traballo e de vida.
Coa CIG defendes os teus dereitos:
* Reivindicamos na Axuda escolar a modificación dos criterios empregados que, por non adaptados á realidade sociolaboral, resultan inxustos e discriminatorios.
* Defendemos a modificación da regulación dos permisos por enfermidade de familiar que faga compatíbel o seu disfrute co dereito á privacidade do enfermo.
* Seguiremos denunciando as tarefas extras, por seren horas extras encubertas xa recoñecidas pola Inspección; as retiradas arbitrarias do complemento por IT nas baixas; ...
* Reivindicamos a non utilización de e-domus para recortar dereitos, no acceso á información, na tramitación de reclamacións, etc.
A parálise do Intercentros dos últimos anos é un bo exemplo de a onde nos pode levar o abandono da participación e deixar o poder de decisión nas mans doutros.
A CIG sempre defendeu e seguirá a facelo agora, con máis forza se cabe, aqueles instrumentos que posibilitan a participación de todos/as . Entre os máis valiosos están os Comités de Empresa, as Asembleas de centro dos Comités Provinciais e as Asembleas Xerais. O seu correcto funcionamento permite coñecer e tratar os problemas entre todos e posibilita solucionalos dun xeito máis favorable. .
A CIG pide o teu voto o día 29 de Marzo pero tamén solicita a túa participación o resto dos días conscientes como somos de que non pode haber sindicalismo sen traballadores , nin chega o voluntarismo duns poucos para defender os dereitos de todos.
Vota CIG para que a túa opinión conte.
A defensa dos dereitos dos traballadores é incompatible coa busca ou aceptación de prebendas . As normas a aplicar deben ser as mesmas para todos. O contrario é darlle validez ó caciquismo.
A mesma norma para todos é a única maneira de garantir igualdade de trato e de dereitos para todos os traballadores e respecto por parte da empresa para a Lei, a Normativa e o Convenio .
Cada vez que se acepta intercambiar renuncias a que se cumpra a Normativa por favores particulares para favorecer a algún afiliado, estanse a por na man da empresa argumentos para incumprila.
A CIG garante a transparencia facendo que os problemas sexan debatidos polo Comité e en Asembleas de traballadores convocadas polo Comité.
A CIG sempre estivo por Comités que non lle permitan a empresa incumprir os Convenios e a Normativa Laboral.
Votar CIG e apostar polo sindicalismo necesario.
Cada vez que alguén se achega a un sindicato buscando prebendas e privilexios está a destruír a esencia mesma do sindicalismo, como ferramenta para a defensa dos dereitos de todos.
A CIG defende igualdade de dereitos colectivos para todos e todas fronte a privilexios que só poden ser para uns poucos.
Fronte a un sindicalismo que coarta a túa participación e anula eleccións ó Plan de Pensións, opta pola participación.
Coa CIG defendes a participación, a mobilización, a denuncia da inxustiza, o sindicalismo de clase, internacionalista, solidario, negociador e combativo, comprometido coa defensa dos traballadores, coa xustiza social e co país, coa súa lingua e cultura. O sindicalismo necesario. Onde tamén ti es necesario.
Vota CIG |