A CIG valora positivamente o pacto asinado hai días en Zara Logística pois mellora con creces os que rubricara no pasado CCOO coa empresa. O presente acordo, que ten unha validez de tres anos, incrementará os salarios do persoal, reducirá as horas de traballo e inclúe melloras sociais para os empregados.
Todos estes avances, atinxidos logo de negociacións que se estenderon durante meses, avalan o traballo desenvolvido pola CIG en Zara Logística nos últimos catro anos. As melloras que contempla o novo pacto, o segundo asinado pola maioría sindical (CIG e CUT), nunca se conseguiran nos acordos rubricados por CCOO.
Puntos principais do pacto:
• Incrementos salariais do 12% no primeiro ano, do 7% no segundo e do 6% no terceiro.
• Redución de xornada anual no primeiro ano desde as 60 horas até as 220 nalgún caso.
• Contémplanse axudas sociais que complementan a Lei de Igualdade como, por exemplo, para os traballadores con familiares discapacitados. As empregadas que estean embarazadas, a partir da duodécima semana de xestación, suspenderáselles o contrato mais percibirán o 100% do seu salario.
Zara Logística é o principal almacén de distribución mundial de Zara. Está situada no Polígono de Sabón (Arteixo) e emprega 1.300 traballadores. |